CÓNTOCHE UN TRAXE

Os alumnos do segundo ciclo de Educación Primaria viviron unha nova experiencia no Museo Municipal de Ribeira o pasado día 26 de abril.

A integrante do grupo Leilía, Montse Rivera, levounos por unha viaxe a través do traxe rexional galego. Fíxoo dunha maneira sinxela, orixinal e dinámica. A súa narración ía acompañada de cantigas referidas ás pezas de roupa que nos amosaba. Tamén fixo partícipes tanto ao profesorado coma ao alumnado vestíndoos con pezas de roupa tradicionais coas que vestían os nosos devanceiros. Pasámolo xenial!

Sabes o que é a pegada dixital?

@s alumn@s de 3º da ESO tiveron un Obradoiro dentro do Programa Educativo “Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais”, ofertado pola Consellería de Educación.

Pretende capacitar ao alumnado no uso seguro, responsable e proveitoso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

No obradoiro abordaron:

  • A xestión segura das redes sociais que máis están a empregar os adolescentes.
  • Explicación do que é a Identidade dixital e a importancia da pegada dixital.
  • E coñecemento de ferramentas e recursos aos que poden acudir cando teñen alguna dúbida sobre o uso seguro da tecnoloxía.

Estivo impartido por Manuel Rivas, especialista da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Entre letras anda o conto!

Con motivo da conmemoración do Día do libro, o 23 de abril, ao longo da semana leváronse a cabo diferentes propostas relacionadas coa lectura. Entre elas podemos destacar o apadriñamento lector, actividade interetapa entre o alumnado de 1º de primaria e 6º de infantil, a lectura en familia, onde as mamás dos cativos de 5º de infantil nos narraron os seus contos preferidos ou  cóntoche un conto, un obradoiro de lectura dos alumnos de 6º de primaria a 4º de infantil. Un clima de maxia inundou o centro, onde nenos e nenas, profes e familias desfrutamos da literatura deixando voar a nosa imaxinación.