

Agardamos poidan conxugar diversión e aprendizaxe desfrutando da nova instalación.
O rostro dos nenos e nenas de 6º de infantil resplandecían de ledicia, a alegría palpitaba no ambiente e unha mestura de emocións latexaban dentro de cada un dos que tivemos a oportunidade de compartir con eles esta formidable xornada: A SÚA GRADUACIÓN.
Remata a súa andaina pola etapa de infantil e desexamos con gozo que abracen a primaria coas mesmas ilusións, forzas e inquietudes. Que inicien un novo camiño cheo de aventuras onde nunca deixen de soñar.
NORABOA PROMOCIÓN 2019-2022!
Reseña: Din que todo esforzo merece a súa recompensa… por iso o alumnado do 3º ciclo de Educación Primaria foron invitados ao acto de clausura do 23º concurso de Ecovoz trala súa participación en dito concurso.
Recibiron un agasallo de mans da Conselleira de medio ambiente Ángeles Vázquez e desfrutaron dun marabilloso día de convivencia no Aquapark de Cerceda.
Despois de todo este tempo de pandemia, os nenos e as nenas de 1º e 2º da Educación Primaria estabamos desexando ir de excursión! E que tal se nos imos de visita á cidade da Coruña? E se a iso lle engadimos comer ao pé da Torre de Hércules un súper mega Happy Meal?
Dito e feito! Este venres, día 10 de xuño, visitamos dous dos tres museos científicos de Coruña “A Domus e o Aquarium Finisterrae”.
Na Domus lemos, observamos, manipulamos, escoitamos, xogamos e desfrutamos coas diferentes actividades interactivas sobre o ser humano.
Rematamos a visita da mellor maneira posible, mergullándonos nunha sala espectacular, a cal nos ofreceu vivir unha experiencia única, a sala Nautilus. Sumerxida nunha gran piscina, a súa decoración recorda á do gabinete do capitán Nemo a bordo do submarino Nautilus. Ao redor da sala nadan os peixes de maior tamaño do acuario, como os tiburóns, corvinas, xurelos, douradas, lubinas e meros.
Canto aprendemos neste día! Por iso é que as saídas culturais son as actividades favoritas de todos, onde cambiamos a rutina das clases, por actividades distintas e novedosas.
O xoves os nenos e nenas de 4º de Educación Infantil preparamos as nosas mochilas dun xeito especial; nelas metemos: ilusións, nervios, emocións… pois agardábanos unha xornada cargada de aventuras! xa que realizamos a nosa primeira saída á contorna. Ao longo da mañá puidemos desfrutar da compañía do grupo de iguais e das mestras, gozamos da animación de “Troskita”, merendamos ao aire libre, realizamos unha viaxe en tren, rimos, xogamos e cantamos.
Unha vivencia que, de seguro, gardaremos con mimo no noso peto de experiencias.