O pasado día 29 de novembro, realizouse no estadio municipal Ana Peleteiro a carreira de campo a través “V Memorial Vicente Fernández” onde os nenos e nenas do noso colexio, dende terceiro ata sexto de Primaria, pasaron unha xornada deportiva apaixonante participando con alumnado de outros colexios da zona, onde o máis destacable foi o gran ambiente vivido nesta festa do deporte.
Literatura e audiovisual: actualizando os clásicos
Este trimestre o alumnado de 4º ESO estamos a traballar nas aulas de literatura unha das obras teatrais máis importantes do s. XX: La casa de Bernarda Alba de Federico García Lorca.
Despois de lermos a obra, fixemos unha selección das escenas máis interesantes e adaptámolas á nosa realidade social, para logo elaborar en grupos diferentes versións audiovisuais.
Mentres imos quentando motores, xogamos na clase cun taboleiro para valorar as nosas destrezas orais. Uns dados, o taboleiro e moitas ganas … de xogar!
Feliz día da Milagrosa
Día Internacional contra a Violencia de Xénero
Nin unha menos
As rapazas de 2º da ESO, en colaboración con algunhas de 1º da ESO, decoraron as escadas do colexio con información ilustrada sobre a violencia de xénero e os tipos que esta engloba.

O alumnado do centro puido informarse, con gran interese, sobre esta problemática que segue moi presente na nosa sociedade.
Para que deixen de ser noticia
Asemade, os alumnos de 6º de Primaria levaron a cabo unha busca de noticias, onde aparecesen casos de violencia de xénero, para logo expoñelas e ilustralas no patio do colexio, facéndoas visibles e libres ante as miradas dos discentes. Acompañaron esta actividade deseñando unha camiseta negra con nomes de mulleres.
Para finalizar, fixeron bolboretas lilas, coa técnica de papiroflexia, que tamén sumaron á camiseta para simbolizar e reinvindicar a liberdade.
Proxecto solidario
Dende o pasado luns 4 de novembro, os alumnos de Educación Infantil colaboran no proxecto solidario: Ningunha familia sen comida, no cal se recollen alimentos non perecedeiros (bricks de leite, aceite, alimentos infantís, paquetes de pasta, arroz ou legumes, botes de conservas vexetais…) Esta iniciativa, que comezou neste mes de novembro, estenderáse ata o mes de maio coa participación de todas as etapas do centro.
Esta participación solidaria pon de manifiesto o noso compromiso coa xenerosidade e o encontro cos demais. Todos os alimentos recadados serán levados ao Banco de Alimentos de Cáritas en Ribeira, que reparte os alimentos entre as personas máis desfavorecidas do concello e a súa zona de influencia.
O magosto
O luns 18 deste mes, acompañados dunha tarde soleada de outono, puidemos desfrutar dun gran magosto no noso centro.
Dende Educación Infantil ata a etapa da ESO, démonos cita no patio do colexio para gozar cunha variedade de xogos tradicionais organizados polos alumnos de 4º da ESO, onde a protagonista foi “Dona Castaña”.
Logo pasamos á degustación deste rico manxar na horta do colexio baixo a sombra das árbores.
Os máis pequenos estiveron acompañados polos alumnos da ESO ,que se converteron en titores por un día, resultando moi gratificante para ambas partes. Ao mesmo tempo foron os encargados de amosar fermosas manualidades que realizaron coa colaboración de pais e profesores.
Deporte intercentros
O pasado día 15 de novembro o noso alumnado tivo a primeira xornada de deporte escolar no polideportivo municipal de A Fieiteira, onde desfrutaron de diferentes deportes xunto cos compañeiros e compañeiras do colexio Bayón.
Un día máis, todos o pasaron en grande compartindo unha xornada de actividade física, que serviu tamén para coñecer a nenos e nenas doutro colexio, así como promover valores do deporte como respecto, igualdade e compañeirismo.
REPORTAXE DO COLEXIO LA MILAGROSA
Enlace ao artigo publicado en O BARBANZA





































