Como cada ano ao rematar o mes de maio, o mes da Virxe, os nenos e nenas de Educación Infantil realizamos unha ofrenda floral á Virxe. Con gran devoción acudimos en procesión á capela que temos na horta do colexio, cantamos cancións, recitamos poesías e entregámoslle as flores que con agarimo cada cativo trouxo da súa casa.
O pasado venres, 2 de xuño, o alumnado dende Infantil ata 3º da Primaria participaron dunha importante charla no salón de actos: «Coidando a miña boca».
Sofía foi quen nos explicou as funcións dos dentes e a boca, enfermidades máis frecuentes e a importancia de ter hábitos de vida axeitados, especialmente na saúde bucodental, como son o cepillado correcto e o consumo dunha dieta que evite a carie.
Esta charla forma parte das actividades de promoción da saúde que promove a Consellería de Sanidade e o Colexio de Odontólogos para fomentar hábitos de hixiene bucodental.
Ao fin chegou o tan desexado 26 de maio, ese día marcado no calendario que a miúdo mirabamos e esperabamos con tanta ilusión. Como colofón a este curso que remata, os alumnos de 1º a 4º de EP fixemos unha saída a Galipark (Padrón).
A aventura comezou pola maña, cando todos nos reunimos no colexio cheos de ilusión e con ganas de divertirnos.
Unha vez en Galipark, os pequenos aventureiros comezamos a explorar cada recuncho do parque ansiosos por descubrir todo o que nos esperaba. Unha das actividades foi o tiro con arco, na que amosámola nosa puntería e habilidade.
Despois puxemos a proba as nosas destrezas nos percorridos polas cordas dos circuítos de altura onde nos movíamos con axilidade e sen medo. Tamén desfrutamos da tirolina ¡Que impresión!
Para calmala calor por tanto axetreo, estivemos no tobogán acuático e na piscina antes de comer.
Foi unha xornada diferente, de convivencia con compañeiros e mestres onde os rapaces se amosaron felices de estar todos xuntos nun ambiente lúdico. A saída foi un éxito gracias a labor dos monitores, xunto cos mestres, que nos guiaron durante todo o percorrido e nos axudaron en cada actividade.
Por fin saímos de excursión! erguémonos o venres coa ilusión de desfrutar dunha xornada diferente, preparamos a equipaxe necesaria e emprendemos unha viaxe cara o Grove. Alí, visitamos o acuario para realizar un paseo polas profundidades das rías galegas, os mares tropicais e o océano atlántico e coñecer diferentes especies mariñas; gozamos dun xantar ao aire libre rodeados dunha fermosa contorna natural e recorremos a Illa da Toxa en tren turístico.
Toda unha experiencia onde non menos importante foi a viaxe en autobús! os rostros dos nenos e nenas de infantil transmitían a ledicia dun día cheo de emocións.
Cada 17 de maio celébrase o día das Letras Galegas. Este ano homenaxeouse ao escritor Francisco Fernández del Riego.
Ao longo das diferentes etapas, estivemos a traballar a súa figura xunto coa súa obra. Nos corredores de Primaria e Secundaria investigamos nos carteis e logo elaboramos a nosa información que rematou nuns traballos moi completos sobre a data e Francisco Fernández del Riego.
Celebramos a nosa lingua e a nosa cultura con moitas ganas e ilusión.
Os alumnos de sexto realizaron un podcast sobre o autor homenaxeado.