DE MADRID E DE SOÑOS

Despois de tanto tempo sen saír, a oportunidade de coñecer unha das cidades máis importantes de Europa, foi o destino elixido por 3º e 4º da ESO para este fin de curso.

Xa antes de marchar estábamos revolucionados e emocionados, pois non era para menos: por fin iamos de excursión!

Así que o martes 10 de maio pola noite e ben puntuais, saímos coas nosas profes rumbo á capital. Desembarcamos o mércores xa para empezar a visita no Museo Nacional de Ciencias Naturais. Minerais, fósiles, dinosauros…Que interesante!  Achegámonos ao Parque do Retiro para descansar, comer e coller forzas para vogar. Si! As barcas do Retiro foron o noso seguinte destino, que ben o pasamos! Pola tarde démoslle unha volta á cidade cun guía que nos levou ao Barrio das Letras e despois a dar unha volta en bus para coñecer os lugares máis emblemáticos: a praza de Cibeles, a Porta do Sol, A catedral da Almudena, o mercado de San Miguel…

O xoves visitamos o Mosteiro do Escorial, e ademais da arquitectura e anécdotas varias que nos contaron os guías, puidemos observar a obra de Afonso X o Sabio, o códice máis rico das Cantigas de Santa María está alí nunha exposición ao público. E dalí ao Museo do Prado: Velázquez, Goya, el Greco, Murillo… todo un mundo da arte que coñecer e descubrir. E como non, rematamos o día co musical Grease no novo Teatro Alcalá.

Para broche especial da nosa excursión pasamos o último día no Parque Warner: montañas rusas, cataratas salvaxes, e inventos varios que nos facían xirar e xirar… antes de regresar felices e contentos, de volta a casa.

Da nosa experiencia quedamos coa sensación gratificante de aprender tamén fóra da aula, de adquirir autonomía aínda que só sexan uns días e de cumprir coma un dos nosos compañeiros… “o segundo soño máis importante da miña vida”.

PREPARAMOS A EQUIPAXE PARA SAÍR DE VIAXE!

Por fin chegou o día! os nenos e nenas de 5º e 6º de Educación Infantil preparamos as nosas mochilas con ilusión, nervios e entusiasmo para realizar unha saída didáctica á granxa escola FervenzAventura. A granxa escola atópase emprazada nunha fermosa paisaxe natural, onde os verdes campos, as robustas árbores e os animais configuran os elementos clave para ofrecer unha  gran aventura baseada na natureza, no respecto ao medio ambiente e aos seres vivos, na cooperación e na convivencia.  

Alí, os nosos pequenos exploradores tiveron a oportunidade de converterse en panadeiros, facendo o seu propio pan; granxeiros, coidando e dando de comer aos animais; e agricultores, plantando leitugas, ao tempo que desfrutaban da natureza. Unha grata experiencia que, sen lugar a dúbidas, formará parte da nosa colección de recordos . 

SANTA LUISA

Cada 9 de maio, a Familia Vicenciana celebra a  Luisa de Marillac, muller intelixente e decidida que iniciou a atención ao servizo aos máis  pobres. Luisa é a cofundadora, xunto a Vicente de Paúl, da Compañía das Fillas da Caridade. Luisa é un fermoso exemplo de entrega incondicional ao próximo. Ela fixo realidade o seu soño, a misión que Deus lle encomendou: atender aos máis necesitados do seu tempo en Francia: nenos abandonados, enfermos, anciáns, persoas sen casa….. Por iso queremos ser portadores da súa labor, facendo que ela sexa o CORAZÓN do noso colexio.

NAVEGA CON RUMBO

O alumnado de 6º EP e 1º ESO analizaron os perigos da Internet da man do enxeñeiro informático Federico Ramiro.

O obxectivo do programa do que forma parte esta sesión é favorecer o uso responsable de internet e as redes sociais e previr o ciberacoso e outros ricos derivados do mal uso de internet e das redes sociais.

SANTA LUISA DE MARILLAC

Mañá, 9 de maio, toda a familia Vicenciana celebramos unha festividade moi especial: a festa de Santa Luisa de Marillac. Xuntos festexamos con ledicia  e  con agradecemento a figura desta muller excepcional e comprometida, que nos deixou un importante legado: axudar aos máis pobres.